ActualidadNoticias

A escritora Rocío Leira preside a Sabatina a Virxe da Xunqueira

0

Este sábado a nosa veciña, a escritora Rocio Leira; presidiu a sabatina a Virxe da Xunqueira onde pediu por todos os escritores coincidindo ca festividade de Santa Teresa de Xesús, patroa dos escritores.

Rocío Leira Castro é de Pereiriña e é licenciada en Matemáticas pola Universidad de Santiago de Compostela; outra das suas paixóns é a escritura onde conta con multiples premios e en Novembro publicará o seu octavo libro. Recentemente colaborou co Ano xubilar Mariano da Virxe da Xunqueira creando un poema que se atopa na Revista Xubilar.

As obras de Rocio son as seguintes:
Universo Pitágoras (2013), O becho que quería comer a avoa(2015), Obituario(2016), Inem(2017), Veleno en familia(2019), Trescatorcedezaseis(2020), A afogada(2021) e Cicuta para dous (Noviembre 2022).

Compartimos agora a Sabatina que realizou Rocío Leira:

Hoxe, día quince de outubro festexamos a Santa Teresa, patroa dos escritores. Ela foi unha ávida lectora, dona dunha viva imaxinación e creadora dunha importante obra literaria, o que a fai ser recoñecida como unha das voces máis destacadas da poesía mística.

Por iso, no día da súa efeméride, diríxome a ti, Virxe da Xunqueira, para pedirche por todos os que exercemos a nobre arte da escrita.

Os seres humanos somos literatura viva, pois as nosas vidas están cosidas por centos de relatos enfiados os uns nos otros coma pedras preciosas engarzadas nun colar. A nosa historia, a dos nosos pais e avós, está ateigada de fermosas tradicións orais, contos e lendas, diamantes valiosos, que se foron transmitindo de xeración en xeración e nos foron moldeando coa súa maxia.

Nesta igrexa diríxome hoxe a ti e pídoche por todos os artesáns da escrita, para que sigamos enfiando palabras que emocionen ós demais, pero tamén quero que intercedas pola boa saúde dos libros, eses faros que nos salvan en tantas ocasións das tormentas. Porque os libros son moito máis que un simple obxecto. Un libro é o vaso de auga que nos sacia a sede de coñecemento, un facho que dá luz ás nosas almas. Un libro é un amigo que nos acompaña e nos comprende, que nos fai rir ou chorar, e que nos é quen de arrincar as emocións máis diversas. Os libros son inventores de planetas novos, cirurxáns que nos amputan a ignorancia heroes capaces de salvarnos de calquera naufraxio.

Pídoche Virxe da Xunqueira, que os nenos de Cée abran libros cada día, que naveguen polos mares das suas páxinas na procura dos tesouros más inimaxinables, que gocen do pracer da lectura. Que a imaxinación medre neles con cada liña que lean, que a curiosidade enraice nas súas vidas coma os grans de trigo nunha fértil leira e que os xardíns das súas inquedanzas se reguen con cada nova páxina.

Pídoche que por medio dos teus rogos fagas que a lectura enriquezca as vidas de todos os ceenses, Vela polos nosos adolescentes, para que xamais se sintan perdidos, para que a lectura disipe todas as súas dúbidas e para que detrás de cada libro atopen sempre unha praia disposta a ofrecerlles os mellores momentos, un cravo ó que aferrarse nos días de tormenta.

Implóroche, Virxe da Xunqueira, para que ilumines a imaxinación dos que nos dedicamos ó oficio das letras e que regues a nosa creatividade nos momentos de seguía. Guía a escritura das nosas mans, axúdanos a que centos de mundos máxicos xerminen das nosas letras, e acaden inmensos espazos. Que as nosas creacións voen ceibes, para encher os corazóns alleos, que non coñezamos xamais a indixencia da falta de inspiración, e que o don de producir beleza aniñe e nós como un lume que xamais coñeza a extinción.

Non permitas que o desalentó nos invada. Danos azos cando as forzas diminúan e a desidia nos encha. Concédenos fortaleza e humildade para afrontar o reto de crear vidas e personaxes, para que a docencia das nosas plumas sexa a guía dos lectores que se achegan ás nosas páxinas.

Pola túa inmensa gracia, Virxe da Xunqueira, fai do noso pobo unha agra fértil en lecturas. Axúdanos, patroa nosa, a conseguir un Cée máis literario e vigoroso e intercede por todos os escritores ante o noso Señor. Amén.

You may also like

Comments

Comments are closed.