ActualidadParroquias

A Virxe da Xunqueira e a sua Vila, vinculos que recolle un novo libro

0

Onte presentabase o libro “Cee y la Parroquia de A Xunqueira. Apuntes para una centenaria historia (1547 – 2022)” obra ´do historiador ceense Victor Castiñeira e que foi impreso pola Deputación de A Coruña.

Dentro das actividades que se están a celebrar en Cee con motivo do Ano Santo Xubilar 2022/23 e coronación canónica da súa patroa, a Virxe da Xunqueira, xurdiu este traballo de investigación no que se recollen os fitos máis importantes da historia da parroquia e da vila de Cee nos últimos cinco séculos.

Todas aquelas persoas interesadas na mesma teñen a súa disposición esta obra de lectura e consulta á vez, dada a gran cantidade de textos documentais que incorpora. Descubrirán o rico pasado da parroquia ceense que gozou dun bo número de rentas, con propiedades espalladas por toda a comarca durante os séculos da época moderna e como, paseniñamente, a Virxe da Xunqueira foi alcanzando un notable protagonismo a partir do século XVIII, cando as referencias documentais comencen a nomear á súa igrexa parroquial como santuario. Tamén comprobarán os fortes vinculos mantidos coa cidade de Santiago e a propia catedral compostelá xa desde a Baixa Idade Media.

O feito de que a parroquia e a vila ceense pertencerán por señorío ós arcediagos de Trastámara tivo que contribuir necesariamente a estreitar aínda máis uns lazos dos que nos quedaron bos exemplos especialmente no mundo da arte a traves de obras de artistas tan senlleiros como Domingo Antonio de Andrade, Ferreiro ou Magariños.

A invasión francesa de 1809 tivo nefastas consecuencias para a nosa vila e o seu patrimonio históricoartístico, especialmente para todo o que tiña que ver coa propia parroquia: tallas de santos, roupas, orfebrería en prata, os retablos e lámpada realizados por Domingo Antonio de Andrade… Os traballos de reconstrucción da igrexa foron lentos e a devoción na Virxe, agora cunha nova talla realizada no 1812 probablemente no taller do gran escultor Ferreiro, mantívose no ámbito máis local ata que no século XX rexurdirá con forza nun templo parroquial moito máis grande como resultado das ampliacións realizadas entre as últimas décadas do século XIX e o ano 1931 que é cando o mesmo adquire o seu aspecto actual.

Desde finais do século XIX, no só a igrexa da Xunqueira experimentará unha gran transformación. Tamén a propia vila de Cee, desde a inauguración do Colexio Fernando Blanco de Lema en 1886, medrará en todos os ámbitos ata converterse actualmente nun lugar de encontro para os veciños e visitantes da Costa da Morte pola gran cantidade de servizos que ofrece. O Ano Xubilar adicado á Virxe e o recoñecemento do seu templo como santuario abren unha nova páxina dunha centenaria historia na que parroquia e vila ceense camiñaron da man desde as súas orixes na época medieval.

You may also like

Comments

Comments are closed.