ActualidadParroquias

Corenta persoas son atendidas a diario na cociña social de Cee

0

A Cociña Social San Roque, de Cee, celebrou dez anos de servizo a favor dos menos favorecidos da comarca de Fisterra cun acto que estivo presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e que serviu tamén de homenaxe a todos os voluntarios e voluntarias de Cáritas Parroquial, empresas colaboradoras e concellos que dan apoio ao referido servizo.

Cada día, de luns a venres, a cociña elabora a comida para 40 persoas, e outras 220 reciben semanalmente un paquete de alimentos, segundo Iván Pérez, coordinador da Unidade Pastoral de Cee. Un labor da que se encargan unha vintena de colaboradores. “Esta é a única cociña social de Galicia que é atendida só por voluntarios, sen nengunha persoa asalariada”, afirma.

Os beneficiarios son maioritariamente persoas dos municipios de Cee, Corcubión e Dumbría, “pero se hai persoas doutros concellos limítrofes que precisan deste servizo, tamén se lles da apoio”, engadiu Iván Pérez, quen subliña a importante labor “dos comercios, peixerías e supermercados locais que aportan os alimentos necesarios para elaborar os menús que se preparan na cociña e que os usuarios recollen cada día, xa elaborados, para consumilos nas súas casas”.

Na celebración do décimo aniversario, á que se sumou tamén o director de Cáritas Diocesana de Santiago, Anuncio Mariño, fíxose un especial recoñecemento a Emiliana Romero, veciña de Cee, quen doou á parroquia ceense o edificio no que se ubica a Cociña Social de San Roque “coa condición de que destinará a fins solidarios”, subliña Pérez.

O acto foi asemade o punto de partida da Campaña de Nadal de Cáritas da Unidade Pastoral de Cee, que ten en marcha tamén unha recolleita de alimentos a través de carros solidarios nos supermercados Carrefour, Froiz, Gadis e Eroski. O domingo, o propio Concello de Cee organizou tamén unha colecta de alimentos. Igualmente, están a recoller xoguetes, roupa e produtos non percedoiros nos colexios Manuela Rial, Vila de Cee e na escola unitaria de Brens.

Ata o 4 de xaneiro tamén se poden doar libros, xoguetes e artigos novos a través das caixas solidarias ubicadas nas librerías Ler e Mestura, Papelería Fersi, Todo Lar, Cadena 100, A Casa do Neno e Retoños. Nos mercados municipais de Cee e Corcubión recolleranse artigos de segunda man.

You may also like

Comments

Comments are closed.