ActualidadParroquias

A Virxe das Neves, máis de 500 anos de devoción na parroquia de Buxantes

0

Este xoves, día 8 de setembro, celebrarase a popular Romaría da Virxe das Neves de Buxantes (Dumbría). Haberá misas na súa ermida, situada nunha fermosa paraxe, ás 10.00 e ás 13.00 horas (a solemne). Neste lugar e no medio dunha carballeira, da que só quedan restos na actualidade, existía un casal e a xente que alí vivía dedicábase á agricultura, á vez que ofrecía hospedaxe e fonda ós peregrinos, xa que era un punto de encontro no que se cruzaban tres camiños de peregrinación: a Santiago, a Muxía e a Fisterra.

Veciños de Noia, Muros e Carnota no seu camiño para venerar á Virxe da Barca en Muxía atopábanse cos peregrinos que, procedentes de Santiago, se dirixían a Fisterra para visitar o Cristo e a igrexa de Santa María das Areas para rematar a súa andaina na punta do Cabo de Fisterra. Tamén se cruzaban neste punto do camiño os romeiros que, dende esta parte da Costa da Morte, peregrinaban a Santiago para gañar o Xubileo ó pé do Apóstolo.

A Fonte Santa, nome polo que era coñecida esta aldea pola fonte milagreira que alí se atopa, era tamén lugar de encontro de escribas e xuíces por celebrarse unha feira todos os terceiros domingos de cada mes, podendo así resolver os problemas das numerosas persoas da parroquia e arredores que se xuntaban alí.

Co paso do tempo a citada feira cambiou de lugar, pasándose a celebrar en Pereiriña (Cee), dando nome á Feira Nova, o lugar onde se desenvolvía este mercado, pertencente á parroquia de Pereiriña.

Neste punto de encontro e acollida, a carón da fonte milagreira, chamado lugar da Fonte Santa, construíuse ao redor do ano 1500 a primitiva capela que foi dedicada á Virxe María das Neves, unha das advocacións da Virxe María máis antigas, xa que data do século IV. Ten a súa orixe nun feito extraordinario que un matrimonio romano interpretou como un signo da vontade de María e construíu unha igrexa dedicada á Virxe das Neves, celebrando a súa festa o día cinco de agosto.

Ante a gran afluencia de peregrinos e camiñantes a capela foi ampliada no ano 1700. En 1809 e con motivo da Guerra da Independencia aconteceron unha serie de feitos violentos a causa dos cales as tropas francesas arrasaron todo o que atoparon ó seu paso. Queimaron o lugar da Fonte Santa e mataron a cantos vivían no casal. A partires daquel momento desapareceu o lugar habitado, manténdose soamente a ermida, que foi respectada, como punto de oración e encontro.

Fuente: El Correo Gallego

You may also like

Comments

Comments are closed.